Do 20 ao 22 de marzo de 2024, a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo acollerá o 1.º Congreso Internacional de Paratradución, Interlinguas e Transmedia (ParatradIT 2024), organizado polo Grupo de Investigación TI4 Tradución & Paratradución (T&P).

Dentro do panel de actividades dirixidas ao alumnado universitario, estarei ao cargo do obradoiro “Introdución á actividade investigadora: primeiros pasos, publicacións e congresos”, o cal terá lugar o mércores 20 de 16 a 18 h.
A actividade está pensada para todas aquelas persoas que queiran coñecer como iniciar a súa actividade investigadora, mais tamén para aquelas que xa se atopen na súa etapa predoutoral.
O programa previsto é o seguinte:
- Elaboración do perfil académico: bionota, ORCID, redes sociais e liñas de investigación.
- Tipos de publicacións (artigos, capítulos, recensións etc.).
- Revistas académicas: temática, indexación, cuartís, DOI etc.
- Call for Papers: que son e onde atopalos.
- Elaboración de resumo e selección de palabras clave.
- O congreso académico: funcionamento e recomendacións.
- Oportunidades profesionais.
Por outra parte, a parte práctica do obradoiro estará destinada á elaboración, por parte dos asistentes, do seu propio perfil académico.