Alba Quintairos-Soliño é doutora en Tradución & Paratradución e profesora axudante doutora no Departamento de Idiomas do Centro Universitario de la Defensa da Academia Militar General, adscrito á Universidad de Zaragoza. Ademais, é docente externa no Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI) da Universidade de Vigo. Como investigadora, é membro titular do Grupo de investigación en Tradución & Paratradución (T&P) da Universidade de Vigo e do Grupo de investigación en Lengua, Discurso, Cultura y Defensa (LediCUDe) do CUD de Zaragoza; así mesmo, está adscrita como colaboradora externa ao Grupo de investigación en Fraseoloxía e Paremioloxía (FRASEONET) da Universidade de Santiago de Compostela.
Graduada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, especializouse en Estudos Xaponeses no Mestrado Universitario en Estudos de Asia Oriental da Universidade de Salamanca e en Literatura no Master of Arts in Literature in English da Dalarna University. Así mesmo, completou a súa formación académica nas universidades de Dalarna, Malmö, Karlstad, Umeå e Linköping, así como na Universitat Autònoma de Barcelona, entre outras. No marco do programa de doutoramento en Tradución & Paratradución, realizou unha estadía de investigación na Stockholm University (Suecia) co obxectivo de afondar nos estudos paratradutolóxicos do manga e, xa como doutora en Tradución & Paratradución, foi profesora convidada da Università degli Studi di Cagliari (Italia) e da University of Defence en Brno (República Checa), neste caso dentro da iniciativa europea Emilyo de mobilidade para persoal de Defensa en colaboración co programa Erasmus+.
En 2020, recibiu unha bolsa de investigación da Xunta de Galicia para formarse como especialista en Fraseoloxía no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, onde continúa como investigadora externa no proxecto internacional METAFRAS. No eido da Fraseoloxía, foi membro do consello de redacción e do comité científico da revista Cadernos de Fraseoloxía Galega e, entre 2024 e 2025, tamén foi secretaria da mesma. Ademais, actuou como revisora externa (por pares cegos) para as revistas Journal of Audiovisual Translation (JAT), Monografías de Traducción e Interpretación (MonTI), Revista Nebrija de Lingüística Aplicada a la Enseñanza de las Lenguas (RNLAEL), Anuario de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil (AILIJ), La Colmena: Revista de la Universidad Autónoma del Estado de México, Anuario de Estudios Filológicos (AEF) e Viceversa. Revista galega de tradución. Dende 2020, forma parte da Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ) e, dende 2024, tamén é membro da Asociación de Estudios Japoneses en España (AEJE). Como técnica superior de apoio á investigación, traballou tanto na última fase de investigación do proxecto Erasmus+ Global Citizenship and Diversity Management Skills in Higher Education (GLOBDIVES) como na xestión do Grupo de investigación SiDOR.
Fóra do ámbito académico, traballou como revisora lingüística e auxiliar de baremación para a Xunta de Galicia.
BOLSAS E PREMIOS
- Bolsa Erasmus+ Staff_Emilyo para realizar unha estadía como docente convidada na University of Defence de República Checa (2026).
- Bolsa de formación en investigación no proxecto de investigación Fraseoloxía galega do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades outorgada pola Xunta de Galicia (nov. 2020 – out. 2022).
- Premio á excelencia para alumnado que inicia estudos de doutoramento (Universidade de Vigo, curso 2018-2019)
- Bolsa Erasmus+ para realizar unha estadía de 10 meses na Högskolan Dalarna (curso 2014-2015)
- Premio á excelencia para alumnado que inicia estudos de grao (Universidade de Vigo, curso 2013-2014)
- Premio extraordinario da ESO ao rendemento académico (Xunta de Galicia, curso 2010-2011).