Saltar ao contido

Anatomía dun referente cultural

  • por

Para celebrar que a Facultade de Filoloxía cumpría medio século de historia, do 26 ao 28 de novembro de 2025 celebrouse na Universidade de Santiago de Compostela o congreso internacional Unha filoloxía para o século XXI: pasado, presente e futuro. Dentro dun panel adicado á análise dos nesgos que arrodean distintas producións culturais, presentamos a comunicación “Anatomía de un referente cultural: cómo la traducción modifica nuestra visión del mundo”, onde afondamos na intrínseca relación entre a actividade (para)tradutora e as políticas de soft power a través do estudo dunha escolma de referentes culturais procedentes de Xapón e Corea do Sur.

Abstract

A palabra manga, en alusión á narrativa gráfica xaponesa, non foi incluída no dicionario da RAE ata 2012 e, cando a admitiron, a súa definición non estivo exenta de polémica ao presentar evidentes nesgos. Hai unha década, termos como ramen, sushi ou onsen case non aparecían nos textos traducidos dende o xaponés e, cando o facían, ían da man de explicacións que abranguían dende un par de palabras que orientaban sobre o seu significado ata notas a rodapé bastante máis detalladas. En España, a emisión, por vez primeira, de animación xaponesa nos 70 e a posterior reintrodución do manga no mercado editotrial nacoinal deron a coñecer ao público un mundo moi diferente ao que se mostraba nas producións nacionais e europeas. Coa crecente popularidade da cultura pop contemporánea nipoa e, máis especificamente, dende o seu boom máis recente, arredor do 2015, a variedade de terminoloxía nipoa que o lectorado coñece é maior do que podería barallarse a finais dos 90. Así mesmo, a popularización en España do K-Pop ou dos K-dramas, ambas as dúas producións culturais procedentes de Corea do Sur, resultou nunha maior aproximación do receptor meta á cultura de orixe, polo que referentes culturais como gochujang, japchae, soju ou oppa quizais xa non resulten tan opacos para tradutores e tradutoras como hai dez anos. Nesta investigación, propuxémonos afondar na relación entre cultura popular, transmedialidade e lingua a través do exercicio da tradución co obxectivo de determinar como a visión dunha cultura pode variar debido á difusión das súas producións culturais. Para abordar esta cuestión, tomouse como obxecto de estudio unha escolma de referentes culturais de Xapón e Corea do Sur co fin de comprobar o impacto de ambas ondas culturais en España.

Palabras clave: paratradución, nesgos culturais, soft power, hallyu, Cool Japan.

© K-Pop Demon Hunters (Sony Pictures, 2025)