Saltar ao contido

Decisións editoriais, manga e normalización lingüística

  • por

A Université de Nanterre (Francia) e a Stockholm University (Suecia) organizan de xeito conxunto o congreso Translating Comics: Between Bubbles, Cultures, and Constraints in East Asia, no que se afonda na tradución de narrativas gráficas procedentes de Asia oriental. Os días 10 e 11 de abril arredor de vinte especialistas abordarán a tradución de paratextos no manga, mànhuà e manhwa en varios paneis dedicados á análise das decisións tradutolóxicas e editoriais que arrodean esta actividade profesional.

Neste contexto, participaremos coa comunicación “Shaping the Idea of Manga through Translation: The Case of Editorial Decisions in Spain“, onde debullaremos a influencia das editoriais na tradución de manga e observaremos como estas modifican, á súa vez, a percepción que se ten do medio na cultura meta. Ademais, tamén exploraremos o particular caso de España a través da tradución de manga cara as linguas oficiais mediante o estudo contrastivo do mercado editorial español, galego e catalán.

Abstract

A noción de “paratradución”, creada na Universidade de Vigo en 2005, destaca o rol dos paratextos no proceso de tradución ao poñer de manifesto como non pode haber unha correcta tradución (e, por extensión, tampouco unha paratradución) dun texto se non se teñen en conta os seus paratextos. Neste sentido, é importante saber que non só as imaxes e os sons poden ser considerados paratextos; tamén o son todos os aspectos históricos, económicos, sociais, culturais ou antropolóxicos que inflúen dalgún xeito no proceso (para)tradutolóxico (Yuste Frías, 2008, 2010, 2022). Así, o formato, a materialidade, os criterios editoriais, o contexto económico, as preferencias do lectorado, as decisións políticas etc. son algúns dos elementos que precisan ser comprendidos e, de ser relevantes, trasladados ao texto meta. Daquela, e debido ao seu carácter multimodal, as narrativas gráficas como o manga posiciónanse como un dos textos orixe más esixentes á hora de traducir a súa ampla paratextualidade, pois non só están creadas a partir da coidadosa combinación de textos e imaxes, senón que, debido á súa dixitalización, agora tamén poden incluír bandas sonoras, efectos sonoros e GIF como parte das súas narrativas. Con todo, os paratextos que arrodean o propio proceso de tradución (como as decisións editoriais e políticas) tamén son esenciais para comprender fenómenos como a popularidade do manga en contextos culturais particulares (Quintairos-Soliño, 2023). Coa teoría da paratradución como fío condutor, esta investigación explora como as decisións editoriais relacionadas coa tradución se volveron un paratexto do manga determinante no contexto español e influíron na concepción tanto do manga como do mangaesco nesta cultura meta. Neste sentido, non só se explora o caso da tradución cara ao español, senón tamén a correlación particular entre as decisións editoriais e as linguas oficiais en España, como é o caso do galego ou o catalán.

Palabras clave: paratradución, decisións editoriais, narrativas gráficas, manga, mercado editorial en España.