Saltar ao contido

Representación da alteridade no media-mix nipón

  • por

“Mientras que en algunos manga se critica la discriminación en todas sus formas, en otros no queda clara la postura del autor o se muestran ciertos tipos de discriminación como positivos”.

Quintairos-Soliño (2020: 83)

Segundo Sugimoto (2016: 227), a sociedade xaponesa adoita ser descrita como “excepcionalmente homoxénea” dende o punto de vista racial e étnico, o cal lles nega ás minorías sociais a súa pertenza ao grupo e as convirte no ‘outro cultural’. Así mesmo, a animación (anime) e os cómics (manga) xaponeses representan, en certa forma, a cultura xaponesa, pois a idiosincrasia dos autores e autoras acabará permeando a historia. En consecuencia, se a arte reflicte a sociedade ata certo grao, estudar como se representa ao ‘outro cultural’ na cultura popular xaponesa podería axudar a entender como esa sociedade reacciona ante a devandita realidade.

No artigo “La representación del ‘otro cultural’ en Japón: el caso de Detective Conan e InuYasha“, publicado no Anuario de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil (2020), analízase como se representou o ‘Outro’ en Detective Conan e InuYasha co obxectivo de comprender a verdadeira dimensión da discriminación contra as minorías no Xapón. A primeira destas obras está dirixida a un público adolescente masculino (shōnen) onde o autor, G. Aoyama, trata de representar de forma fiable a sociedade contemporánea xaponesa, mentres que, no segundo caso, consideramos que a obra está destinada a un público adolescente feminino (shōjo) onde o escenario principal é unha era Sengoku ficticia, pois, malia que a autora (R. Takahashi) enmárcaa no xénero shōnen, o certo é que, dende o punto de vista académico, esta cumpre moitas das características do shōjo.

Para levar a cabo esta investigación, realizouse unha análise cualitativa das personaxes pertencentes ás devanditas minorías, así como un estudo cuantitativo da súa presenza e impacto na trama.

Entre as principais conclusións, destacamos a necesidade de fomentar unha lectura crítica de toda a literatura popular, a miúdo esquecida durante a educación secundaria, pois “o modo en que as obras dirixidas ao público infantil e xuvenil transmiten determinados valores é transcendental, xa que os receptores obxectivos son lectores en formación que están vendo reforzados ou rexeitados certos comportamentos sociais na literatura que máis consomen” (p. 83).

Viñeta do manga Detective Conan
© Aoyama Gōshō

InuYasha
© Takahashi Rumiko