Saltar ao contido

Que é o manga?

  • por

Que é o manga? Cales son as súas características? Por que “cómic xaponés” é a definición máis estendida? Se é así e consideramos que un manga é, ante todo, un “cómic xaponés”, podería unha persoa non-xaponesa publicar manga? Pola contra, podería unha persoa xaponesa publicar un manga fóra do Xapón e que este se siga considerando como tal? Este abril estarei nas I Jornadas Internacionales de Estudios sobre Cultura Pop de Asia Oriental, organizadas pola Universidad de Salamanca, respondendo a estas e outras preguntas na comunicación “¿Qué es el manga? La teoría de la paratraducción como marco teórico transdisciplinar para entender y resignificar el fenómeno a través del caso de Detective Conan” —unha investigación derivada da miña propia tese de doutoramento—.

Abstract

No ano 2012, a Real Academia Española incluíu por vez primeira o termo xaponés ‘manga’ no seu dicionario. Porén, a definición empregada era errónea, ademais de presentar evidentes nesgos e de estar pouco documentada, tal e como sinalaron numerosos expertos nesta narrativa gráfica. En consecuencia, a institución viuse na obriga de rectificar a devandita entrada pouco despois. Non obstante, non se trata dun caso illado: unha panorámica das distintas definicións de ‘manga’ existentes en idiomas como o inglés e o español mostra como moitas delas non resultan representativas do medio e como, nalgúns casos, mesmo conteñen inexactitudes e contradicións. Nesta investigación, recóllense distintas propostas —tanto xeralistas como académicas— utilizadas para definir o manga en xaponés, inglés e español co fin de observar as principais diferencias culturais detectadas entre o concepto no seu contexto orixinal (Xapón) e o concepto no contexto internacional. Desta forma, a teoría da Paratradución xorde como un elemento clave na configuración do manga e o seu discurso nas culturas orixe e meta ao permitir, por un lado, entender a evolución do medio e, polo outro, delimitar as súas características máis emblemáticas. A partir desta análise, levouse a cabo un estudo da relación das particularidades formais e de contido detectadas co propio proceso paratradutolóxico mediante exemplos extraídos da obra Detective Conan co obxectivo último de propoñer unha nova definición de ‘manga’ que abrangue toda a casuística presentada sen caer en nesgos nin imprecisións terminolóxicas.