Saltar ao contido

O fluxo visual do manga

  • por

“Paratraducir la percepción de la imagen: el flujo visual en el manga y su alteración en el proceso paratraductológico” é o título da comunicación que presentei no XVI Congreso nacional y VII Internacional de la Asociación de Estudios Japoneses en España: La imagen de Japón y el Japón de la imagen organizado pola Universidade de Vigo do 25 ao 27 de setembro de 2024. Con ela, preténdese poñer en valor o papel de paratextos a miúdo esquecidos no proceso tradutolóxico, como é o caso do fluxo visual, ao resaltar a súa función esencial no texto orixe e analizar como esta se pode ver alterada no texto meta se non se paratraduce axeitadamente.

Abstract

Entre as características formais e de contido presentes no manga, destaca o fluxo visual —tamén coñecido como gaze movement ou shisen yūdō—, o cal, ademais de presentar un padrón básico coñecido como “padrón de Z invertido” ou gyaku zetto-gata (Yabushita, 2014), afecta ao komawari, isto é, á configuración da dobre páxina (mihiraki) deste medio gráfico-narrativo. Así, texto e imaxe están dispostos de forma estratéxica sobre a páxina, de maneira que guíen a mirada do receptor sobre esta (Natsume, 2010), o cal resulta nun fluxo visual que interrelaciona as viñetas e os elementos que estas conteñen. Así mesmo, o fluxo visual permite transmitir información precisa sobre o tempo e o ritmo da obra ao lectorado (Negoro, Soga & Taki, 2011), así como interromper o fluxo de lectura, xerar tensión ou manipular a expresividade da obra ao xerar proximidade ou distancia emocional entre o receptor e as personaxes (Yabushita, 2014). Con todo, a pesar da importancia do shisen yūdō na recepción da obra, a nosa investigación sobre a tradución da relación texto-imaxe no manga policíaco detectou alteracións neste fluxo visual producidas nas traduccións ao español de obras como Detective Conan ou Magic Kaitō (Quintairos-Soliño, 2023). No presente estudo, pretendemos describir como o proceso traductolóxico afecta ao shisen yūdō a través dunha análise cualitativa onde se compararon os fluxos visuais dunha mostra de textos orixinais con aqueles obtidos dos seus textos meta para, así, determinar que elementos da obra traducida interfiren no deseño gráfico-narrativo. Neste contexto, a noción de paratradución postúlase como unha ferramenta teórica cohesionadora útil para os profesionais que interveñen no proceso paratraductolóxico do manga, pois esta fuxe dunha visión textocéntrica da traducción para poñer en valor o paratexto que, neste caso, “arrodea e envolve o manga”, así como aquel “que o acompaña e prolonga” (Quintairos-Soliño, 2023).


Referencia bibliográfica

Quintairos-Soliño, Alba. (2024). “Paratraducir la percepción de la imagen: el flujo visual en el manga y su alteración en el proceso paratraductológico”. XVI Congreso nacional y VII Internacional de la Asociación de Estudios Japoneses en España: La imagen de Japón y el Japón de la imagen. Pontevedra: Universidade de Vigo.