A Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo acollerá, do 20 ao 22 de marzo de 2024, o I Congreso Internacional de Paratraducción, Interlinguas y Transmedia (PARATRADIT 2024), organizado polo grupo de investigación T&P. Ademais de participar cun obradoiro centrado na introdución á actividade investigadora, tamén presentarei a comunicación “Las narrativas gráficas del papel a la pantalla: estrategias paratraductológicas de la relación texto-imagen para la formación universitaria del personal (para)traductor”.
Abstract
O manga conta cunha serie de características gráfico-narrativas tanto de tipo formal como de contido que definen o medio, como poden ser a composición da narrativa partindo do mihiraki (dobre páxina) —o que obriga a unha lectura horizontal—, o uso de globos e cartuchos que tenden á verticalidade ou a xeración dun fluxo visual sobre a páxina que manipula a experiencia lectora do receptor (Quintairos-Soliño, 2023). Estudos recentes apuntan a que moitas destas innovacións, ata entón propias do manga, foron extendéndose a outras narrativas gráficas ata o punto de que todas elas comezan a tender cara a converxencia nun único medio gráfico-narrativo, globalizado e transcultural (McCloud, 2018). Con todo, co desenvolvemento das narrativas gráficas dixitais e, máis concretamente, coa chegada dos smartphones, popularizouse o formato webtoon, un medio gráfico-narrativo deseñado para ser lido en vertical ao deslizar —sempre verticalmente— o dedo pola pantalla (“scroll”). En consecuencia, a linguaxe gráfico-narrativa do medio en papel deu paso a un novo tipo de fraseoloxía gráfica adaptada ao soporte dixital (Koo, 2022). Nesta investigación, propoñémonos analizar como se adaptou a linguaxe gráfico-narrativa do papel á pantalla nos webtoons co fin de detectar como foron evolucionando os principios e estratexias que rexían ata o momento a paratradución da relación texto-imaxe neste tipo de soportes para, así, poder actualizar a formación do alumnado do Grao en Tradución e Interpretación.

Clausura do congreso
© 2024 Congreso ParatradIT
Credencial
© 2024 Alba Quintairos-Soliño


Portada da comunicación
© 2024 Alba Quintairos-Soliño
Presentación nas redes sociais
© 2024 Congreso ParatradIT
