Co apoio das asociacións EUROPHRAS, Do.Ri.F e SUSLLF, así como dos proxectos MED-GREEN (RICMIUR_CTC_2023, CUP F25F21002720001) e Professor/Scientist Program 2023/2024 (LR 7/2007 – R.A. della Sardegna), o Dipartimento di Lettere, Lingue e Beni Culturali da Università deglie Studi di Cagliari (Italia) acolleu do 9 ao 11 de maio o congreso Imago Mundi. An Overview of Metaphor: Creativity, Phraseology & Discourse cos obxectivos de afondar no funcionamento lingüístico e conceptual da metáfora e de salientar as relacións entre metáforas e os conceptos “creatividade,” “lexicalización” e “discurso”.
No marco do seu programa e partindo dunha liña de investigación introducida na tese A simple vista: traducir la relación texto-imagen en el manga policíaco Detective Conan, presentamos a comunicación “El metalenguaje de las narrativas gráficas a examen: el concepto de ‘metáfora visual’ frente al de ‘fraseología gráfica’ y sus implicaciones”, onde desafiamos o concepto de “metáfora” nas artes secuenciais.
Resumo:
No eido de estudo das narrativas gráficas, o termo “metáfora (visual)” aplícase ao intrincado sistema de símbolos que permite mostrar de forma gráfica todo un abano de interaccións emocionais en cada unha das viñetas, segundo recollen autores como Forceville (2008), Hick (2012) ou Cuñarro & Finol (2013). Así mesmo, Cuñarro & Finol (2013: 274) tamén matizan que, mesmo se calquera artista pode crear as metáforas visuais que desexe, só aquelas máis comúns e repetidas dentro do medio acabarán por fixarse na linguaxe do cómic como “convencións lingüísticas”. Así, podemos interpretar que esta fixación das metáforas na linguaxe das narrativas gráficas se corresponde coa “institucionalización o fijación en la norma lingüística [neste caso, gráfica] social” que Zuluaga (1997) sinala como trazo definitorio da función básica común a todas as unidades fraseolóxicas, pois “las UF [unidades fraseolóxicas], como tales, deben ser del dominio colectivo entre la comunidad de hablantes” (632). Así mesmo, a compresión de significados complexos nunha simboloxía relativamente sinxela, fixa e asentada na linguaxe das narrativas gráficas podería interpretarse como a “condensación o brevedad de la expresión” á que Zuluaga tamén fai referencia (1997: 633), mentres que a posibilidade de manipular creativamente estas metáforas (visuais) con fins artísticos ou comunicativos podería entenderse como unha forma de desautomatización fraseolóxica onde a norma “se utiliza como base para contrastar un uso no usual o creativo” (Lompart Saumell, 2020: 120). Desta forma, malia quedar patente que as narrativas gráficas fan uso de toda unha combinación de elementos gráficos fixos no discurso gráfico-narrativo para representar distintos sentidos figurados, toda a potencialidade desta simboloxía gramaticalmente articulada quedou reducida a un fenómeno metafórico que non recolle a complexidade da mesma na súa totalidade unicamente a causa dunha cuestión terminolóxica, en tanto que os principios que rexen o discurso simbólico gráfico-narrativo parecen máis próximos aos do concepto “fraseoloxía” que aos de “metáfora” (Quintairos-Soliño, 2023).
A tenor desta problemática de índole metalingüística, nesta investigación propuxémonos observar o concepto de “metáfora (visual)” no eido das narrativas gráficas a través dunha revisión teórica das súas principais características á luz de exemplos extraídos de obras procedentes de Xapón, Corea do Sur, España e Estados Unidos —e creadas tanto para soporte en papel como dixital (isto é, webtoons)— co obxectivo de determinar a representatividade dos estudos realizados ata o momento. A continuación, os resultados comparáronse cos principios das unidades fraseolóxicas propostos por Bárdosi & González-Rey (2012) para, finalmente, establecer unha proposta de denominación do fenómeno máis precisa: “fraseoloxía gráfica”.
Palabras clave: fraseoloxía gráfica, metáfora visual, metalinguaxe das narrativas gráficas, manga, manhwa, cómic, webtoon.
Referencia bibliográfica
Quintairos-Soliño, Alba. (2024). “El metalenguaje de las narrativas gráficas a examen: el concepto de ‘metáfora visual’ frente al de ‘fraseología gráfica’ y sus implicaciones”. Imago Mundi. An Overview of Metaphor: Creativity, Phraseology & Discourse. Cagliari: Università degli Studi di Cagliari.