Saltar ao contido

Sobre min

Alba Quintairos-Soliño é doutora en Tradución & Paratradución e docente de Tradución no Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo. Como investigadora, está adscrita ao Grupo de investigación en Tradución & Paratradución (T&P) da Universidade de Vigo e mais ao Grupo de investigación en Fraseoloxía e Paremioloxía (FRASEONET) da Universidade de Santiago de Compostela. Entre 2020 e 2024, tamén estivo vinculada ao Grupo de investigación en Estudos Literarios e Culturais, Tradución e Intepretación (BiFeGa) da Universidade de Vigo, dentro do subgrupo BITRAGA (Biblioteca da Tradución Galega).

Graduada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, especializouse en Estudos Xaponeses no Mestrado Universitario en Estudos de Asia Oriental da Universidade de Salamanca e en Literatura no Master of Arts in Literature in English da Dalarna University. Así mesmo, completou a súa formación académica nas universidades de Dalarna, Malmö, Karlstad, Umeå e Linköping, así como na Universitat Autònoma de Barcelona, entre outras. No marco do programa de doutoramento en Tradución & Paratradución, realizou unha estadía de investigación na Stockholm University (Suecia) co obxectivo de afondar nos estudos paratradutolóxicos do manga e, xa como doutora en Tradución & Paratradución, foi profesora convidada da Università degli Studi di Cagliari (Italia).

En 2020, recibiu unha bolsa de investigación da Xunta de Galicia para formarse como especialista en Fraseoloxía no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, onde continúa como investigadora externa no proxecto internacional METAFRAS. No eido da Fraseoloxía, é membro do consello de redacción e do comité científico da revista Cadernos de Fraseoloxía Galega e, en 2024, asumiu o cargo de secretaria da mesma. Ademais, actuou como revisora externa (por pares cegos) para as revistas Journal of Audiovisual Translation (JAT), Monografías de Traducción e Interpretación (MonTI), Revista Nebrija de Lingüística Aplicada a la Enseñanza de las Lenguas (RNLAEL), Anuario de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil (AILIJ) e La Colmena: Revista de la Universidad Autónoma del Estado de México. Dende 2020, forma parte da Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ) e, dende 2024, tamén é membro da Asociación de Estudios Japoneses en España (AEJE). Como técnica superior de apoio á investigación, traballou na última fase de investigación do proxecto Erasmus+ Global Citizenship and Diversity Management Skills in Higher Education (GLOBDIVES).

Fóra do ámbito académico, traballou como revisora lingüística e auxiliar de baremación para a Xunta de Galicia.

BOLSAS E PREMIOS
  • Bolsa de formación en investigación no proxecto de investigación Fraseoloxía galega do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades outorgada pola Xunta de Galicia (nov. 2020 – out. 2022).
  • Premio á excelencia para alumnado que inicia estudos de doutoramento (Universidade de Vigo, curso 2018-2019)
  • Bolsa Erasmus+ para realizar unha estadía de 10 meses na Högskolan Dalarna (curso 2014-2015)
  • Premio á excelencia para alumnado que inicia estudos de grao (Universidade de Vigo, curso 2013-2014)
  • Premio extraordinario da ESO ao rendemento académico (Xunta de Galicia, curso 2010-2011).