O congreso CReaTING: International Conference on Creativity and Critical Thinking in Translation and Interpreting, organizado no marco do proxecto de investigación “CC-TRANS. Creativity and Critical Thinking in Translation” (GRE22-03A), celebrarase os días 16 e 17 de outubro de 2025 na Universitat d’Alacant e buscará debater sobre o pensamento creativo no eido da Tradución e da Interpretación. Nel, presentaremos a comunicación “Paratraducir colores para traducir emociones: el caso del uso cromático en las narrativas gráficas”, na que se aborda a (para)tradución do uso cromático en Webtoons e manga en función das emocións que se buscan transmitir.
Abstract
Na súa análise da tradución ao inglés do manga Akira, De la Iglesia (2016) reflexiona sobre as implicacións de pasar dun texto orixe en branco e negro a un texto meta a toda cor. Entre as súas principais conclusións, o especialista destaca como esta adaptación da obra ao mercado meta afecta a percepción do texto e pode verse como “ilóxica” dende unha perspectiva contemporánea, pero tamén conclúe que, ao ofrecer unha tradución “adecuada” ao contexto meta e mostrar claramente ao receptor que se trata dunha tradución, o resultado é de calidade segundo os estándares descritos por Benjamin. Non obstante, non ter en consideración a alteración cromática na avaliación da calidade deste tipo de traducións resulta problemático, pois, tal e como sinala a fotógrafa Sakiko Nomura, “na cor hai demasiada información” (RTVE, 21 de febreiro de 2025; tradución propia). Na mesma liña, a noción de Paratradución fai fincapé na necesidade de analizar e paratraducir todos os elementos paratextuais presentes no texto (incluídos, entre outros, a materialidade ou a imaxe) co fin de obter un texto meta que recolla, paratraducidas, todas as singularidades do orixinal. Neste contexto, a crecente consideración de narrativas gráficas como o manga ou os webtoons como “affective form[s] of comics” (Berndt, 2023), onde as emocións se volven un paratexto esencial, fai deste tipo de textos multimodais un obxecto de estudo relevante dentro da área da Tradución. Coa Paratradución como marco teórico, nesta investigación propoñémonos analizar o uso da cor nunha serie de narrativas gráficas en formato físico e dixital orixinarias de Asia Oriental, Europa e América co fin de determinar que información se transmite a través das cores e que implicacións ten non recoñecelas ou non paratraducilas axeitadamente durante o proceso tradutolóxico.
Palabras clave: paratradución; narrativas gráficas; uso cromático; fraseoloxía gráfica; materialidade.
Referencia bibliográfica
Quintairos-Soliño, Alba. (2025). “Paratraducir colores para traducir emociones: el caso del uso cromático en las narrativas gráficas”. CReaTING: International Conference on Creativity and Critical Thinking in Translation and Interpreting. Alicante: Universitat d’Alacant.