Dada a importancia da imaxe, a miúdo moi marcada culturalmente, na resolución dos casos que se presentan nos manga de temática policíaca, o obxectivo principal da miña tese doutoral —titulada A simple vista: traducir la relación texto-imagen en el manga policíaco Detective Conan e dirixida polo Dr. Robert Neal Baxter— foi analizar as dificultades de tradución derivadas da relación texto-imaxe no manga Detective Conan (1994 – actualidade), de Aoyama Gōshō. A obra seleccionada resulta especialmente relevante por: (1) estar destinada a un dobre receptor onde a audiencia xuvenil é a principal; (2) representar de forma fiable, consonte ao seu autor, a evolución da sociedade xaponesa e, polo tanto, incluír culturemas de diversa índole, mesmo os máis recentes; (3) publicarse dende 1994 e continuar editándose a día de hoxe (tanto o texto orixe como o meta); e (4) presentar personaxes nacidas en, polo menos, tres continentes, o cal xera diferencias culturais entre as personaxes nipoas e as demais, algo que, a priori, podería favorecer a presenza de referentes culturais nas súas intervencións.



Detective Conan
© G. Aoyama
Magic Kaito
© G. Aoyama
Tantei no Tantei
© Kiyohara & Matsuoka
A análise da unidade verboicónica nesta obra podería supoñer unha achega significativa ao eido dos Estudos do Manga e ao da Paratradución. A investigación sobre o manga e o mangaesco, así como sobre todo o espectro de producións culturais que os arrodean (media-mix), adoece dunha falta de perspectiva transdisciplinar, moi necesaria nun medio transcultural como o é este tipo de narrativa gráfica. Así, xorde a necesidade de recoller os diferentes marcos teóricos de todas as áreas nas que se tratou este fenómeno para lograr un enfoque transdisciplinar que permita coñecer en profundidade este obxecto de estudo dende todos os ángulos posibles. Neste contexto, o concepto de “Paratradución” posiciónase como unha teoría cohesionadora que propón concentrar nun mesmo estudo non só a análise do texto e do paratexto que arrodea e envolve o manga, senón do paratexto que o acompaña e prolonga. Con todo, a bibliografía en español referente aos estudos do manga, á tradutoloxía do xaponés ao español e ás linguas cooficiais e, por extensión, á (para)tradución de manga é escasa ou, nalgúns casos, mesmo nula. En consecuencia, esta tese proponse tamén a tarefa de realizar unha revisión teórica do manga a partir das investigacións efectuadas en diversos eidos e contextos culturais para, daquela, abrir unha nova vía de investigación no eido da Tradución enfocada na (para)tradución do manga que parta dunha lectura crítica da relación texto-imaxe e de todos aqueles elementos que interveñen na configuración da mensaxe que este transmite.
No tocante á metodoloxía, esta está composta de dúas fases principais: por un lado, ao non haber unha teoría do manga transdisciplinar e sólida a nivel conceptual nin tampouco existir actualmente este eido de estudo no contexto universitario español (o que implica, así mesmo, unha falta de desenvolvemento dos estudos de tradución centrados nesta temática), o marco teórico consistiu na revisión do estudo das narrativas gráficas e da tradución co fin de obter unha teoría do manga paradigmática, ampla e actualizada. Neste caso, a metodoloxía baseouse, principalmente, na documentación e na descrición.
Por outro lado, a segunda fase correspóndese cun estudo de caso da obra Detective Conan e dun corpus secundario. Neste caso, a metodoloxía é mixta: en primeiro lugar, analizouse cualitativamente o tratamento da relación texto-imaxe na versión orixinal do manga Detective Conan (vols. 1 a 100) e comparouse, simultaneamente, coa tradución oficial ao español (vols. 1 a 103). Así mesmo, mediante unha metodoloxía cuantitativa, estudáronse as recurrencias de cada un dos fenómenos observados. O obxectivo tradutolóxico é observar que dificultades se presentan e como se resolven no texto meta. Unha vez realizado o estudo do corpus primario, analizouse este mesmo fenómeno nas obras secundarias: Magic Kaitō —ao pertencer ao mesmo autor que a obra primaria, permite observar se se producen cambios no tratamento da unidade verboicónica da obra primaria á secundaria— e Tantei no Tantei, máis coñecida en español como Detective de detectives —de distinta autoría (Kiyohara & Matsuoka), a súa análise axuda a determinar se o tratamento da relación texto-imaxe na obra primaria é representativo do xénero ou só un trazo característico do autor—. Finalmente, co fin de actualizar as dificultades derivadas da tradución do xaponés ao español nun medio como o manga, procedeuse a un estudo contrastivo dos fenómenos observados nas tres obras.
Esta investigación permitiu concluír de forma detallada como se constrúe a relación texto-imaxe no magna e como esta se ve afectada polas decisións paratradutolóxicas tomadas por calquera dos membros do equipo editorial que interveñen no proceso de (para)tradución da obra. Isto deu pé, á súa vez, ao establecemento dunha serie de recomendacións que sexan respectuosas tanto coa obra orixinal como co receptor meta. Así mesmo, tendo en conta a falta de cohesión no ámbito académico para propoñer unha definición de “manga”, a aplicación da teoría da Paratradución aos Estudos do Manga permitiu suxerir unha definición do medio que permite abarcar todas as súas peculiaridades dende unha perspectiva atenta aos principais avances investigadores no eido dos últimos anos.
Palabras clave: paratradución, tradución de manga, relación texto-imaxe, narrativas gráficas.
Referencia bibliográfica
Quintairos-Soliño, Alba. (2023). A simple vista: traducir la relación texto-imagen en el manga policíaco Detective Conan [tese de doutoramento]. Vigo: Universidade de Vigo.