Saltar ao contido

A ecoloxía dos saberes e o anime

  • por

O folclore non só busca explicar o inexplicable —o misterioso—, senón que, tal e como suxiren os estudos de Hunter (2020) ou Sari & Putra (2020), demostra a súa evidente inclinación cara á preservación do medio natural e, por extensión, á ecoloxía. En palabras do propio Hunter (2020, p. 224), isto reforza “the idea that folkloric traditions can bring us into physical (rather than purely intellectual) connection with the environment”.

No plano teórico, Boaventura de Sousa publicou en 2010 a obra Ecology of Knowledges, onde defende que a ciencia e o folclore son modelos explicativos do mundo que resultan satisfactorios, mais onde tamén indica que o saber popular está a ser colonizado nun proceso despiadado no que a racionalidade científica desterra o uso do pensamento mítico e das referencias populares. Malia esta colonización do folclore por parte da ciencia, estudos recentes suxiren unha converxencia entre o saber científico e o popular nas producións culturais contemporáneas e, máis concretamente, no anime. Porén, se ben todas estas investigacións adoptan unha perspectiva próxima á teoría da ecoloxía dos saberes, non aplican os seus principios teóricos.

Neste contexto, xorde a investigación “Science, Folklore, and Ecology of Knowledges in Aoyama’s Detective Conan Anime”, en coautoría co investigador Francisco Miguel Ojeda García (Universidad de Granada) e publicada na revista Íkala. Revista de Lenguaje y Cultura (Q1). O obxectivo da mesma é analizar como a ciencia e o folclore se integran e opoñen no anime Detective Conan (1996 – actualidade) de G. Aoyama —unha produción sen dúbida caracterizada polo misterio— para coñecer que mensaxe se está a transmitir á audiencia sobre estes dous tipos de coñecemento. Neste sentido, a obra elixida resulta paradigmática porque moitos dos episodios teñen lugar no Xapón rural, onde as referencias ao folclore se enfrontan á racionalidade detectivesca do protagonista.

Fotograma do episodio 274 (© G. Aoyama)
Fotograma do episodio 88 (© G. Aoyama)

No episodio 470, estableceuse o límite da mostra por chegar ao punto de saturación teórica. Deste xeito, a partir dun estudo mixto que fusiona as análises cualitativa e cuantitativa, detectáronse 155 episodios nos que se inclúen referencias ao folclore na trama, nas personaxes ou mesmo na contorna onde se desenvolve a acción. Os resultados amosan, entre outras cousas, que, na interacción entre a perspectiva científica e a popular, existe unha preferencia polo pensamento racional fronte as crenzas populares ou que a representación das crenzas populares na ficción policíaca pode facerse dende o respecto, mesmo cando se opte por unha perspectiva racional.


Referencia bibliográfica

Quintairos-Soliño, Alba & Ojeda-García, Francisco Miguel. “Science, Folklore, and Ecology of Knowledges in Aoyama’s Detective Conan Anime.” Íkala. Revista de Lenguaje y Cultura, vol. 29, no. 1, 2024, pp. 1-17. https://doi.org/10.17533/udea.ikala.353637